Hoxe, mesmo en prazas da mesma área e nun curto espazo de tempo, poden variar de forma difícil de xustificar os criterios de afinidade ou a valoración de méritos semellantes: publicacións equivalentes que reciben puntuacións distintas, cambios na ponderación real entre investigación, docencia ou transferencia, definicións de afinidade que se estreitan ou amplían segundo a convocatoria, ou interpretacións diferentes sobre os méritos avaliables como experiencia docente ou investigadora relevante.
Estas variacións xeran incerteza, debilitan a confianza no procedemento e alimentan a percepción de arbitrariedade. Dificilmente se pode falar de excelencia e atraer talento se o acceso á carreira académica se percibe como un xogo de regras cambiantes.
Deste xeito, aínda que xa existe un marco básico de valoración, cómpre avanzar: impulsaremos unha maior explicitación dos criterios, referencias comúns de interpretación e melloras na motivación e trazabilidade das valoracións, co fin de reforzar a seriedade, a consistencia e a confianza nos procesos de selección e de reducir a variabilidade excesiva que hoxe acaba xerando reclamacións e percepción de inxustiza.
O obxectivo non é uniformizar de maneira ríxida realidades académicas distintas nin substituír o xuízo académico das comisións por unha táboa pechada. Debe seguir habendo marxe para diferenzas razoables entre ámbitos e especialidades, pero esa diferenza ten que estar ben xustificada, e debe ser proporcionada e coherente. O que cómpre corrixir non é a diversidade de criterios, senón a súa aplicación excesivamente dispar ou insuficientemente motivada.
Comezaremos cunha primeira fase de ordenación e explicitación de criterios para prazas de Axudante Doutor/a e, tras avaliar indicadores (reclamacións, tempos e consistencia inter-áreas), estenderemos progresivamente o modelo ao resto de figuras, mantendo un núcleo común e respectando as especificidades de cada ámbito.
