A UVigo comprometerase co despregamento do acordo de formación médica en Galicia desde unha posición activa e con criterios propios, reforzando o papel dos hospitais de Vigo, Ourense e Pontevedra como espazos docentes de referencia e garantindo que a súa achega ao sistema se traduza en capacidade académica, organizativa e docente real para a universidade.
A nosa prioridade será que este proceso mellore a formación médica no conxunto de Galicia e consolide un ecosistema docente sanitario sólido no sur do país, con presenza efectiva da UVigo nos ámbitos académicos, organizativos e de seguimento do modelo.
Ao mesmo tempo, estableceremos unha avaliación continuada do seu funcionamento, do equilibrio institucional e do retorno efectivo para a nosa universidade, de modo que, se o acordo non cumpre os seus obxectivos nin permite un desenvolvemento suficiente das capacidades propias, poidamos defender con decisión e absoluta claridade as alternativas necesarias para garantir unha resposta axeitada ás necesidades formativas e á capacidade académica e docente da universidade neste ámbito.
