A ausencia dunha escola infantil no Campus de Vigo supón unha limitación concreta para a conciliación do persoal que traballa no CUVI, especialmente nos momentos máis exixentes da vida profesional e familiar. Mentres os Campus de Ourense e Pontevedra si están dotados desta infraestrutura, o Campus de Vigo carece deste servizo básico para a conciliación.
Impulsaremos a creación dunha escola infantil de ciclo 0-3 no Campus de Vigo, mediante a avaliación da demanda real entre o persoal PDI e PTXAS, a identificación de espazos viables no CUVI e o desenvolvemento dun modelo de xestión sostible que poida articularse a través de convenio con administración competente, concesión con criterios públicos ou fórmula mixta, garantindo prezos accesibles e calidade do servizo.
No primeiro ano realizarase o estudo de viabilidade, e definirase o modelo de gobernanza e financiamento. A posta en marcha efectiva quedará condicionada aos resultados desa análise e ás posibilidades de colaboración con Concello de Vigo e Xunta de Galicia, priorizando fórmulas que non comprometan recursos propios da UVigo de forma inasumible.
O obxectivo é que a UVigo poida ofrecer ao seu persoal un servizo de conciliación real e de proximidade, reducindo a carga loxística que hoxe recae en moitas familias e mellorando as condicións de traballo de quen ten fillos en idade de atención temperá.
