Garantía de seguridade económica en axudas competitivas: criterio único, información ex ante e sen sorpresas

Estableceremos un marco estable para a xestión das contratacións e retribucións asociadas a axudas competitivas (especialmente posdoutorais), garantindo seguridade xurídica e económica para as persoas beneficiarias.

A UVigo ofrecerá información completa e comprensible antes da aceptación/alta (condicións contractuais e estimación orientativa do neto), aplicará un criterio único, público e consistente de xestión de cotizacións e retencións, e evitará interpretacións cambiantes entre unidades. Habilitarase unha canle única de consulta e revisión, con prazos comprometidos de resposta, para resolver dúbidas e discrepancias cando existan diferenzas de interpretación entre convocatorias, institucións ou unidades internas. A información ex ante e as decisións adoptadas serán trazables para reducir incertezas, evitar “custes sobrevidos” e reforzar a confianza institucional.

O obxectivo é garantir previsibilidade ás persoas investigadoras, mellorar a competitividade da UVigo na captación de talento e asegurar unha xestión coherente e comprensible dos fondos públicos asociados a axudas competitivas.