O Servizo de Prevención leva tempo funcionando con dotación axustada e continuidade irregular en funcións clave, o que limita a súa capacidade para planificar e facer seguimento de maneira visible e sistemática.
Nesta situación, a prevención tende a desprazarse cara ao urxente (incidencias, prazos, requirimentos) e aumenta o risco de que os apoios externos, aínda que necesarios, acaben ocupando un espazo que debería ser de criterio e coñecemento propio da universidade.
Por iso necesitamos establecer unha estrutura mínima estable e un plan anual por campus: revisión do estado das avaliacións e medidas pendentes, calendario público de formación e campañas, atención prioritaria a laboratorios e talleres, ergonomía e riscos psicosociais, e coordinación sistemática coas unidades con impacto en residuos e seguridade.
O apoio externo empregarase como complemento especializado e/ou temporal, con control e transferencia de coñecemento. Isto permite pasar de “apagar lumes” a previr con método, reducir incidentes e dar confianza á comunidade universitaria.
