Plataforma Vigo Tecnolóxico: misións globais con gobernanza executiva e alianzas industriais

Vigo xa funciona como un polo tecnolóxico relevante, cunha base sólida en enxeñarías, TIC e relación coa industria. O reto, por tanto, non é crear máis estruturas nin engadir novas etiquetas, senón ordenar esa capacidade con estándares internacionais de foco, integración e execución.

Propoñemos transformar Vigo Tecnolóxico nunha plataforma orientada a misións, arredor de tres ámbitos prioritarios revisables periodicamente, formulados coa amplitude suficiente para incorporar tanto os sectores tractores actuais como as tecnoloxías emerxentes nas que a UVigo xa está a gañar posición, desde a mobilidade e a industria avanzada ata as comunicacións espaciais, a fotónica ou a computación cuántica. Estas misións terán como núcleo as capacidades tecnolóxicas do campus, pero poderán integrar de maneira selectiva outras disciplinas cando sexa preciso para resolver problemas reais, acelerar a transferencia ou asegurar a viabilidade social, económica ou regulatoria das solucións.

A plataforma non substituirá centros nin departamentos nin invadirá a súa autonomía: servirá para gobernar o crecemento estratéxico, mediante un contrato-programa que permita priorizar proxectos, captar talento e asignar recursos adicionais a iniciativas colaborativas.

Sobre esa base impulsaranse alianzas industriais estruturadas, con unidades mixtas e co-investimento en proxectos, e os proxectos vinculados ás misións disporán dun itinerario de xestión máis áxil, con apoio técnico e simplificación de trámites. Cada misión contará con obxectivos anuais, socios internacionais e resultados sobre os que facer seguimento das desviacións.

O reto non é só ordenar mellor o que xa temos, senón facer da acreditación a consecuencia natural dun campus máis forte, máis visible e máis útil para o país.