Despregue dun sistema de gobernanza de datos, procesos e sistemas

Implantaremos un sistema de gobernanza que asegure que ferramentas críticas evolucionan con orde. Teremos unha Vicerreitoría que garanta que a UVigo funciona con visión a medio prazo, con datos fiables, con procesos definidos e cun ecosistema dixital estable e orientado ás persoas usuarias.

Terá tres pezas:
(1) Unidade de Planificación e Datos Institucionais (Plan Estratéxico, KPIs, calidade e gobernanza do dato, informes para órganos e axencias);
(2) Unidade de Procesos e Proxectos de Transformación (para mapear e harmonizar procesos, simplificar trámites, implantar melloras por fases con probas reais;
(3) Servizo TIC (estabilidade, seguridade, interoperabilidade, identidade dixital e contornos de proba).

Cada proceso terá un propietario institucional (Estudos, Internacional, Xestión Económica, etc.) que definirá requisitos; Procesos axudará a deseñar e implantar; TIC garantirá o técnico; a Vicerreitoría priorizará e resolverá contradicións. Haberá unha mesa de Coordinación periodicamente para desbloquear e validar cambios.

A gobernanza do dato servirá tanto para mellorar a toma de decisións como para reforzar a rendición de contas perante a comunidade universitaria e a sociedade.