O Código Ético da UVigo só cumpre a súa función se a comunidade o coñece e se se utiliza para orientar decisións reais.
Por iso activaremos unha política de integridade institucional baseada en tres piares: (1) difusión e formación mínima obrigatoria para cargos académicos, responsables de procedemento e persoas con capacidade de decisión (incluíndo módulos curtos e materiais simples para PDI, PTXAS e estudantes); (2) ferramentas de uso diario: guía práctica de casos frecuentes (conflitos de interese, compatibilidades, relación con empresas e patrocinio, uso responsable de datos/IA, avaliación xusta), modelos de declaración e recomendacións claras de actuación; e (3) activación preventiva: canle de consultas éticas previa e procedemento de revisión para operacións sensibles (p.ex. contratos con entidades competidoras directas, convenios en sectores de risco reputacional, transferencia con tecnoloxías de uso dual), garantindo trazabilidade e protección fronte a represalias conforme ao marco legal.
Publicarase un informe anual agregado sobre actividade, aprendizaxes e melloras implantadas, para pasar de ética “en papel” a integridade contrastable.
