Sistema claro de convivencia e resolución de conflitos: competencias definidas, coordinación e garantías

A UVigo precisa un sistema accesible e coordinado para previr, canalizar e resolver conflitos de convivencia universitaria.

Hoxe conviven distintos órganos, unidades e canles (igualdade, convivencia e bo goberno, ética, valedoría, canle de denuncias, mediación e xestión dialogada de conflitos, e outras estruturas) sen unha delimitación sempre suficientemente comprensible para a comunidade universitaria nin mecanismos de coordinación interna plenamente eficaces. Isto pode xerar desorientación, solapamentos, derivacións innecesarias ou demoras evitables.

Impulsaremos unha ordenación clara deste sistema a través de tres liñas de actuación: (1) clarificación pública das competencias, funcións e vías de entrada de cada órgano ou servizo; (2) simplificación e estandarización básica dos procedementos, con información accesible e comprensible para estudantes, PDI e PTXAS; e (3) mecanismos estables de coordinación interna para evitar duplicidades, mellorar a derivación entre unidades e asegurar respostas máis rápidas e coherentes.

Complementariamente, promoverase a creación e posta en funcionamento do Servizo de Inspección previsto na LOSU, como peza do sistema de garantías e cumprimento normativo, ben coordinada co resto de estruturas institucionais.

O obxectivo é que a comunidade universitaria saiba onde acudir, que esperar de cada canle e en que prazo, reforzando a confianza institucional, a seguridade xurídica e a eficacia na resposta aos conflitos e incidencias.