A transparencia institucional non debe limitarse ao cumprimento formal da normativa, senón converterse nun instrumento real de rendición de contas e confianza pública.
Renovaremos o Portal de Transparencia da UVigo para transformalo nun espazo útil, comprensible e actualizado, conectado cos sistemas institucionais de datos e cos cadros de mando definidos.
A nova arquitectura de transparencia terá tres compoñentes principais: (1) Portal de Transparencia renovado, con información estruturada sobre organización, financiamento, contratos, indicadores institucionais e execución do plan estratéxico, presentada en formatos comprensibles; (2) Portal de Datos Abertos UVigo, que permitirá publicar conxuntos de datos institucionais reutilizables (actividade académica, indicadores docentes, investigación, financiamento, servizos), garantindo protección de datos e estándares técnicos adecuados; (3) Cadros de mando públicos resumidos, vinculados ás misións estratéxicas da universidade e actualizados periodicamente.
O obxectivo é facer da transparencia unha práctica ordinaria de gobernanza, que permita á comunidade universitaria e á sociedade coñecer mellor como funciona a institución, que resultados obtén e como se utilizan os recursos públicos.
