Calidade e confianza na investigación: avaliación responsable e integridade con criterios por ámbitos e evidencias baseadas en datos

A UVigo aprobará un marco institucional único de calidade e confianza aplicable ás súas convocatorias e decisións internas (axudas propias de investigación, predoutorais propias, financiación de APCs, asignación de apoios institucionais), que integre avaliación responsable e integridade e boas prácticas, con criterios diferenciados por ámbitos de coñecemento.

En avaliación, o marco definirá que se valora (potencial e calidade, coherencia do proxecto, contribución real e boas prácticas) e como se valora (criterios públicos, comparables dentro de cada ámbito), evitando tanto o produtivismo como criterios anecdóticos ou ocorrencias que non son pertinentes nin comparables entre disciplinas. En integridade e boas prácticas, o marco establecerá un estándar común (autoría, conflitos de interese, xestión de datos e software, reproducibilidade cando proceda e detección de patróns anómalos de publicación) e implantará formación no doutoramento e asesoramento confidencial para resolver dúbidas antes de publicar ou presentar proxectos.

Finalmente, o marco incorporará de forma proporcional á disciplina, evidencias de Ciencia Aberta e xestión responsable do coñecemento (depósito de publicacións, accesibilidade e reutilización de datos/software, e xestión correcta de licenzas), sen penalizar situacións xustificadas por confidencialidade, protección de datos ou PI.

O obxectivo é reforzar a nosa reputación e asegurar que a investigación da UVigo se avalía e se apoia con rigor e coherencia.