Un prazo: duración por trámite determinada, seguimento en tempo real e escalado automático en caso de atraso

Realizaremos un mapa dos trámites críticos e dos seus tempos reais (altas/contratos, sinaturas, compras, pagamentos e xustificación), identificando onde se producen os bloqueos.

A partir desa liña base fixaremos prazos máximos por tipoloxía e nivel de complexidade, e implantaremos tres garantías prácticas: (1) cada expediente terá estado visible e unidade responsable identificada, (2) cando se supere o prazo sen resposta activarase unha alerta automática e escalado de supervisión para que non quede parado, e (3) haberá unha revisión mensual de bloqueos con medidas correctoras desde Xerencia–Secretaría Xeral–Investigación.

Publicarase un taboleiro agregado de tempos e cumprimento sen datos persoais para rendición de contas e mellora continua. Xunto con ese taboleiro, incorporarase un “cadro de mando de cargas e cobertura” do back office (capacidade dispoñible, volume por tipoloxía e distribución por campus/unidade), para que a mellora de prazos non dependa de sobrecarga invisible nin xere agravios entre equipos. A implantación farase por fases: primeiro nos trámites de maior impacto e despois no resto.

En paralelo, e para reducir riscos legais, estabelecerase un plan de estabilización e integración progresiva do apoio estrutural á I+D+i cando proceda, de modo que a previsibilidade de prazos non descanse nunha temporalidade encadeada nin en solucións de urxencia que se repiten ano tras ano.