Activación da base do sistema: pipeline continuo de transferencia e emprendemento desde grupos e proxectos con tempo recoñecido e apoio técnico

A UVigo impulsará un modelo de transferencia e emprendemento que permita converter resultados, datos, prototipos, metodoloxías e necesidades do territorio nun fluxo continuo de iniciativas con potencial de impacto, superando a actual dispersión de actividades illadas.

Esta medida céntrase na activación da base do sistema de transferencia, xerando unha canteira estable de proxectos desde grupos de investigación e formación avanzada. Artellarase mediante programas ligados a grupos e proxectos (incluíndo TFG/TFM, prácticas e especialmente doutoramento industrial), nos que o punto de partida sexan capacidades e resultados existentes, non ideas descontextualizadas.

Para facelo viable, establecerase (1) tempo recoñecido e compatible coa docencia e coas obrigas do PDI, evitando que a participación en transferencia ou emprendemento supoña unha penalización na carreira académica; (2) un esquema de apoio técnico lixeiro, que inclúa xestión, aspectos básicos de propiedade intelectual e transferencia, e conexión co ecosistema, de forma que a persoa IP poida decidir e validar sen asumir carga administrativa excesiva; (3) a integración do persoal investigador novo (predoutoral e posdoutoral) nestes procesos, favorecendo a súa participación progresiva e a asunción de responsabilidades en contornas seguras e acompañadas.  

Esta medida non substitúe os instrumentos de licenza, PoC ou creación de empresas, senón que os alimenta: busca xerar un pipeline continuo de proxectos listos para a súa maduración, transferencia ou valorización a través dos mecanismos definidos no resto do noso modelo de transferencia.

O obxectivo non é máis que aumentar a calidade e continuidade das iniciativas, reducir abandono temperán e facer da transferencia e do emprendemento unha opción real de impacto e empregabilidade.