A UVigo non carece de vías de transferencia; carece dun modelo claro e operativo que permita ao persoal investigador saber desde o inicio como transferir, con que condicións e en que prazos. Para corrixir isto, a UVigo reorganizará o seu modelo de transferencia e valorización do coñecemento cun itinerario claro de catro vías de saída, para que o persoal investigador e o estudantado saiban desde o primeiro día cal é a opción máis axeitada en cada caso e que tempos, requisitos e decisións implica: (1) licenza/valorización, (2) actividades do artigo 60, (3) spin-off, cando se cree unha empresa vinculada a resultados ou PI universitaria; e (4) start-up.
A medida incorporará un fast-track optativo para casos estándar, sen negociación complexa de PI, confidencialidade ou gobernanza, con modelos de documentos, cláusulas e termos tipo e con prazos orientativos por fase, mantendo un circuíto ordinario para os casos máis complexos. Isto reducirá carga administrativa, evitará esperas longas e puntos de bloqueo innecesarios para facer o sistema máis previsible tanto para equipos promotores como para socios externos. Ademais, integrarase un “paso cero” estándar e lixeiro de integridade e seguridade xurídica, con declaración inicial de conflitos de interese e compatibilidades, regras de uso de infraestruturas e marca UVigo, criterios de separación de funcións académicas e empresariais e formularios por defecto adaptados ás distintas vías.
A reforma adaptarase á normativa UVigo vixente sobre empresas baseadas en coñecemento e á regulación aplicable aos contratos e convenios de I+D+i, actualizando os elementos que hoxe dificultan o equilibrio entre velocidade, seguridade xurídica e adecuación ás distintas formas reais de transferir coñecemento na universidade.
O obxectivo é que ningunha disciplina nin ningún equipo queden fóra do modelo por non transferiren a través de patentes ou creación de empresas, e que a UVigo dispoña dun sistema máis claro e útil para transformar coñecemento en impacto real no territorio.
