A UVigo artellará un servizo estable de promoción e acompañamento profesional tanto á explotación de activos intanxibles como á creación e consolidación de spin-offs e start-ups baseado nun modelo de “porta única UVigo” e execución en rede, para evitar duplicidades e aproveitar as capacidades existentes no ecosistema (aceleración sectorial, mentorización empresarial, acceso a investimento e primeiros clientes).
Esta medida será implementada de forma coordinada cos Centros e Institutos de Investigación. A UVigo asumirá o que é especificamente universitario e debe estar garantido con equidade e seguridade xurídica: diagnóstico e itinerario (licenza/spin-off/start-up), xestión de PI e conflitos de interese, termos tipo e apoio contractual, acceso a infraestruturas e conexión co programa PoC. A partir dese punto, e previa formalización e acordo cos socios, estableceranse canles de derivación e programas compartidos con entidades como Zona Franca e outras axencias/aceleradoras, de modo que a aceleración e o escalado se fagan onde xa hai capacidade e investimento, e a universidade non “compita” cos seus socios senón que complemente.
O servizo traballará con itinerarios por fases e métricas (pilotos, primeiros clientes, licenzas, emprego, colaboracións), con seguimento 12–24 meses, para asegurar que o apoio público e institucional se traduce en resultados e retorno para o territorio.
