Innovación social e impacto público: recoñecemento, apoio e co-creación de coñecemento coa sociedade

A UVigo ampliará o seu modelo de transferencia para recoñecer, apoiar e facer visible tamén aquelas formas de impacto social, cultural, educativo e institucional que non se expresan principalmente a través de patentes, licenzas ou creación de empresas, pero que xeran valor público real e reforzan a misión universitaria.

En moitos ámbitos como a saúde e o benestar social, a educación, a cultura, as humanidades e as ciencias sociais, a transferencia adopta formas distintas: co-creación de coñecemento con actores sociais, innovación en políticas e servizos públicos, divulgación avanzada, asesoramento experto, intervención comunitaria, produción cultural ou colaboración con entidades do terceiro sector e administracións.

A medida artellarase mediante un marco específico de apoio á innovación social, ligado a centros, institutos, grupos de investigación e persoal investigador, que permita identificar mellor estas actividades, darlles visibilidade institucional e facilitar a súa relación con entidades públicas e privadas do territorio. Este marco incorporará criterios claros para recoñecer resultados e procesos de impacto social, así como instrumentos de apoio proporcionados á natureza destes proxectos. Para facelo viable, estableceranse incentivos e condicións de compatibilidade, incluíndo tempo recoñecido cando proceda, para que estas actividades non dependan só da vontade individual nin queden desprazadas por non teren retorno económico inmediato.

O obxectivo é que a capacidade da UVigo para xerar valor social, cultural e público forme parte explícita do seu modelo de transferencia e impacto, e non quede invisibilizada por definicións demasiado estreitas da innovación.