A Universidade de Vigo precisa asumir con claridade que a investigación non é unha actividade administrativa, senón unha función estratéxica que require persoal de investigación e de apoio ben integrado nun contexto científico e tecnolóxico que nunca cambiou con tanta velocidade, e que por tanto muda as necesidades de contratación (cuantitativa e cualitativamente) con moita máis frecuencia. Sen embargo, a indefinición actual do papel do PI/PAI xera conflitos internos, inseguridade xurídica e respostas defensivas que non benefician a ninguén.
Neste contexto, o PI/PAI non é “un problema a regular”: debe percibirse como un axente importante nunha función estratéxica a gobernar con intelixencia. O que propoñemos é fixar un marco interno de aplicación e encaixe institucional do PI/PAI na UVigo, no marco da Lei da Ciencia e en coherencia coa LOSU, clarificando funcións, límites e relación cos servizos universitarios, e identificando as zonas de contacto que requiren coordinación estable co PTXAS.
O documento elaborarase con base técnica e diálogo cos colectivos implicados. O resultado será pasar dunha lóxica de excepcións a un funcionamento gobernable, reforzando a capacidade investigadora sen romper estándares nin cohesión institucional.
