Reenfoque da docencia da UVigo ante a redución das cohortes de entrada

A redución progresiva das cohortes tradicionais de entrada á universidade, xunto coa diversificación das vías de acceso ao ensino superior, non debe levar a reducir a ambición da universidade pública, senón a cambiar o enfoque desa ambición.

A UVigo aproveitará este novo escenario para reforzar un modelo docente con maior valor engadido, baseado nunha aprendizaxe máis personalizada, intensiva e acompañada, na que o contacto co profesorado, o traballo en pequenos grupos, a aplicación práctica do coñecemento e a reflexión crítica teñan máis peso que a mera transmisión de contidos. Este reenfoque metodolóxico irá acompañado dunha oferta académica con identidade clara, do impulso á cooperación con outras universidades para títulos e itinerarios conxuntos, e da apertura a novos perfís de alumnado, incluída a captación internacional.

A transformación deberá contar cunha adaptación dos sistemas de recoñecemento da docencia, da organización do tempo académico e do apoio técnico e administrativo, para que ensinar mellor sexa un esforzo visible, valorado e sostible para toda a comunidade universitaria.

Esta iniciativa é plenamente compatible e complementaria coas medidas destinadas a afrontar o impacto da intelixencia artificial na docencia recollidas no bloque seguinte.