Xestión responsable e áxil do profesorado temporal/sustituto para a cobertura docente

Precisamos un sistema áxil e xusto para cubrir a docencia cando xorden baixas, permisos ou incidencias sobrevidas. Non é que o sistema funcione mal; é que está deseñado para ir lento. O problema, porén, non é só de tempos, senón tamén de modelo: unha universidade responsable non pode depender de procedementos obsoletos nin de solucións informais para resolver necesidades urxentes.

Por iso reformaremos a normativa e a xestión do profesorado temporal para compatibilizar axilidade, equidade e seguridade xurídica. Implantaremos un sistema dixital de xestión das listas que permita chamamentos simultáneos, resposta en tempo real e asignación automática por orde de prelación entre as persoas realmente dispoñibles.

As persoas integrantes das listas poderán actualizar preferencias de campus, horarios e dedicación, reducindo renuncias de última hora e acelerando a cobertura efectiva da docencia. Facilitaremos tamén a participación do persoal investigador contratado nas listas de profesorado de substitución, sempre que cumpra os requisitos de titulación e compatibilidade, eliminando barreiras innecesarias e evitando que esta posibilidade dependa de solucións informais ou adaptacións contractuais ad hoc. Ao mesmo tempo, revisaremos o réxime de renuncias e penalizacións para substituír esquemas excesivamente ríxidos por criterios máis proporcionados e claramente definidos.

Melloraremos tamén o baremo, mantendo o principio dos 10 méritos pero corrixindo descompensacións e facendo máis explícitos os criterios de avaliación. Ademais, reforzaremos o control da temporalidade para evitar que figuras pensadas para necesidades extraordinarias acaben cubrindo de maneira continuada necesidades estruturais. A universidade deberá responder con mellor planificación e con regras máis claras, reducindo a dependencia de solucións improvisadas e contribuíndo tamén á preparación de canteira académica ante as necesidades de relevo.

O obxectivo é pasar dun sistema lento e pouco adaptado á realidade a un modelo áxil e institucionalmente responsable.