Identidade multilingüe UVigo: internacionalización con criterio e proxección atlántica

A UVigo global precisa unha identidade lingüística coherente: o galego como lingua propia e institucional, o castelán como activo de integración, e o inglés como ferramenta operativa cando achega valor académico.

A medida articúlase en dous eixes. (1) Internacionalización con criterio: estableceremos criterios claros para docencia noutras linguas por titulación e materia (cando procede, nivel requirido e apoios), garantindo transparencia ao estudantado e evitando que a internacionalización reduza o galego. Potenciaremos o portugués como ponte atlántica para docencia, mobilidade e cooperación, reforzando a súa presenza na oferta formativa e a relación coa Eurorrexión e espazos lusófonos, e ofreceremos acompañamento lingüístico a PDI/PTXAS de nova incorporación. (2) Reputación e acción exterior con identidade: para o alumnado internacional, desde a matrícula garantiremos información sobre o réxime de dúas linguas oficiais e un paquete de acollida que inclúa coñecemento do marco legal do galego, información clara sobre linguas das materias, formación básica en lingua e cultura galegas e orientación académica por centro.

Complementariamente, reforzaremos a comunicación científica e institucional en galego con ferramentas dixitais e impulsaremos “Galego no mundo” ligado a alianzas e eventos con legado, coordinado coa estratexia de reputación da UVigo, así como o papel do servizo de publicacións (coleccións e traducións estratéxicas) como infraestrutura de normalización.