Estratexia que se executa: prioridades limitadas, despregamento en cascada e revisións con medidas correctoras

A acción de goberno debe ser guiada por un plan que informe do que e do como; a axenda non pode estar mudando por urxencias, intereses fragmentados ou demandas puntuais, sen unha conexión clara entre prioridades, recursos e resultados.

Propoñemos por iso que o plan pase a ser un sistema de dirección e execución: definiremos obxectivos periodificados e, para facelos realidade, implantaremos unha planificación anual con poucas prioridades.

Ese ciclo anual terá tres elementos:
(1) prioridades anuais coherentes cos obxectivos do mandato e con fitos no ecuador;
(2) un mapa de despregue que conecte obxectivos, indicadores, iniciativas e responsables (Reitoría/Xerencia/Vicerreitorías e unidades), apoiado nos datos institucionais e nos cadros de mando definidos en GOV-1, incluíndo que actuacións se paralizan cando hai saturación;
(3) revisións programadas (seguimento operativo mensual e revisión trimestral de goberno) onde, se hai desviacións, se activan medidas correctoras: reasignar recursos, cambiar prazos, simplificar procesos ou reforzar soporte.

O resultado será unha folla de ruta útil para os contratos-programa e para o Plan Operativo de Transformación Organizativa e Dixital, con información pública en formato comprensible. O ciclo anual culminará cun Informe anual de execución e resultados, con indicadores, explicación de desviacións e medidas correctoras, e cunha sesión pública de rendición de contas ante o Claustro e o Consello Social.