Gobernanza da política lingüística: metas graduais, seguimento e rendición de contas

A política lingüística da UVigo debe deixar de depender de impulsos dispersos ou de medidas sen continuidade.

Aprobaremos un Plan de Política Lingüística 2026–2032 orientado a resultados, que consolide o galego como lingua institucional e impulse de forma gradual o seu uso na docencia, na investigación, na comunicación e na atención administrativa.

O Plan partirá dun diagnóstico por centros, ámbitos e campus sobre uso real, capacidades lingüísticas e necesidades de apoio, e incorporará metas graduais, indicadores anuais públicos e mecanismos de seguimento semestral e avaliación anual. Revisarase e actualizarase o Regulamento de usos lingüísticos para asegurar dereitos, deberes e instrumentos de aplicación efectivos.

O Servizo de Normalización Lingüística reforzarase como estrutura técnica especializada, con coordinación directa co equipo de goberno, para garantir que a política lingüística deixe de ser só declarativa e pase a formar parte da gobernanza ordinaria da universidade.