Estratexia UVigo de Máster Universitario: reforzo, sostibilidade e proxección

A UVigo desenvolverá unha estratexia específica para os másteres universitarios como peza central do seu sistema académico, entendéndoos como ponte entre o grao, o doutoramento, a especialización profesional e a internacionalización.

Esta estratexia parte dun diagnóstico claro: hoxe o funcionamento de moitos másteres descansa en exceso no compromiso persoal do profesorado, cun nivel de recoñecemento e apoio insuficiente para a complexidade real das tarefas que implican (coordinación académica, xestión de prácticas, procedementos de calidade, relación co contorno profesional, innovación docente…). Esta situación non é sostible se queremos que os másteres cumpran o papel que lles corresponde nunha universidade pública que aspira a ofrecer formación avanzada, atractiva e socialmente relevante, sen depender do voluntarismo nin resignarse a que parte do estudantado con máis recursos busque esas oportunidades fóra do sistema público.

Por iso, a UVigo impulsará esta estratexia desde a colaboración cos centros e co profesorado, ofrecendo apoio técnico e académico para reforzar e proxectar a oferta de másteres, mellorar a súa conexión co doutoramento e coa captación de talento, facilitar a coordinación intercentros e promover títulos interuniversitarios, internacionais ou vinculados ás necesidades do territorio. A estratexia favorecerá tamén formatos flexibles, incluíndo organización modular, docencia semipresencial e uso do inglés cando proceda, e integrará a empregabilidade e as prácticas externas como parte do propio deseño formativo. O obxectivo é construír unha oferta de máster coherente, sostible e con identidade propia, capaz de responder mellor á responsabilidade académica e social da UVigo.