Actualización do Plan Estratéxico do Campus Auga: da especialización declarada á excelencia

O Campus Auga necesita pasar dunha especialización valiosa pero dispersa a un proxecto común, esixente e gobernable. O seu plan 2024–2027 identifica fortalezas reais en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal, pero tamén recoñece debilidades que hoxe frean o salto: baixa masa crítica nalgúns grupos, interacción insuficiente entre equipos, captación internacional mellorable, débil posicionamento perante o tecido produtivo e procesos lentos de transferencia. Ao tempo, a gobernanza prevista é formalmente correcta, mais pouco resolutiva para ordenar prioridades, asignar recursos con criterios claros e reducir conflitos internos. Por iso propoñemos unha actualización e reformulación do Plan Estratéxico do Campus Auga que permita concentrar esforzos, dar regras claras e facer visible o valor do campus para Ourense e para a universidade, cunha representación máis plural nos órganos de decisión do campus.

Esta actualización e reformulación organizará a actividade arredor de misións integradas, entendidas como grandes ámbitos de traballo compartido nos que docencia, investigación e transferencia deixen de avanzar por separado e comecen a empurrar na mesma dirección. Estas misións non substitúen as liñas de especialización do campus, senón que as conectan e as orientan cara a resultados compartidos. Así, as capacidades xa existentes en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal poderán combinarse coas áreas transversais de soporte para configurar proxectos máis sólidos e útiles. Por exemplo, unha misión pode ser un sistema agroalimentario sostible e intelixente; outra, un ecosistema termal e hídrico de alto valor engadido, conectando xestión da auga termal, saúde, xeografía e historia, turismo, enerxía, dereito e desenvolvemento territorial. Estas misións poderán incorporar tamén, de maneira selectiva e con propósito claro, outras capacidades do campus (como as enxeñarías, a educación, o traballo social ou a enfermaría) cando sexa necesario para abordar retos complexos de forma integral, sen perder foco nin converter o campus nun agregado indiscriminado de ámbitos.  Cada misión contará cunha dirección académica clara, cun cadro anual de obxectivos e cun sistema de seguimento que permita á comunidade universitaria coñecer que recursos se asignan, con que criterios, que resultados se esperan e que correccións se activan cando non se cumpren.

Os recursos adicionais vinculados ao desenvolvemento do campus asignaranse con criterios públicos, premiando a colaboración entre grupos, a captación de fondos, a transferencia e o impacto social e económico. Trátase de substituír a lóxica da arbitrariedade e da competencia interna pouco transparente por regras coñecidas e verificables, que axuden a ordenar mellor as prioridades e fomentar a confianza. Publicarase cada ano un balance sinxelo e comprensible co orzamento mobilizado, as actuacións realizadas e os resultados acadados. O obxectivo é claro: facer da excelencia e da acreditación o resultado natural dun campus mellor organizado, máis cooperativo e cun impacto que se poida contrastar