Programa Pontevedra CREA 2030: de marca de campus a plataforma de proxectos creativos con impacto

O Campus de Pontevedra precisa reforzar a súa identidade como campus especializado para pasar de ser unha suma de centros singulares a un proxecto recoñecible, cooperativo e con ambición exterior. A súa forza está nun ecosistema académico pouco común no SUG, que reúne arte, comunicación, deseño, educación e deporte, con capacidade para dialogar coa cultura, co tecido creativo, co ámbito educativo e co desenvolvemento urbano e social.

O reto non é inventar unha identidade nova, senón convertela nunha proposta clara, compartida e visible, capaz de atraer talento e alianzas estables. Por iso propoñemos o Programa Pontevedra CREA 2030, orientado a ordenar a actividade do campus arredor de poucas misións integradas e con resultados que se poidan contrastar.

Estas misións permitirán conectar docencia, investigación, transferencia e programación cultural en ámbitos recoñecibles, como a creatividade aplicada á educación, ás industrias culturais e audiovisuais, ao deseño e moda, ou á innovación social e territorial. Cada misión contará cunha coordinación académica clara, cun plan anual de actuacións, con socios externos e cun sistema público de seguimento. A aprobación das misións, dos criterios de financiamento e do balance anual corresponderá a un órgano de dirección do campus con responsabilidade executiva, e toda esa información será pública nun formato simple, garantindo trazabilidade nas decisións e confianza no uso dos recursos.

Os fondos asignarase mediante convocatorias internas transparentes, premiando proxectos compartidos entre centros, captación externa, transferencia e impacto social. Publicarase cada ano un balance comprensible coas actuacións apoiadas, os criterios de selección e os resultados acadados.

Trátase de activar unha nova etapa para Pontevedra: menos dispersión, máis proxecto común; menos marca retórica, máis ecosistema creativo útil para a cidade, para a UVigo e para a eurorrexión.